Préstamo de libros electrónicos eBiblio Galicia

Introdución

eBiblio Galicia é o "Catálogo do libro electrónico en castelán" que, xunto co do libro electrónico en galego, forma parte do proxecto GaliciaLe, plataforma da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia que fai posible a lectura de libros electrónicos a través da internet.

Desde eBiblio podes realizar o préstamo das principais novidades editoriais en castelán en formato dixital para poder lelas en diferentes dispositivos: tabletas, teléfonos intelixentes, ordenadores persoais ou lectores de libros electrónicos.

Este catálogo do libro electrónico en castelán promóveo o Ministerio de Educación, Cultura y Deporte coa colaboración da Xunta de Galicia, e está xestionado por esta última. O servizo está dispoñible no enderezo galicia.ebiblio.es. Tamén se pode acceder aos libros prestados a través da app de eBiblio , dispoñible para iOS e Android.

Quen pode utilizar eBiblio Galicia?

Se xa es socio/a dunha das bibliotecas da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, tan só precisas rexistrarte como novo usuario/a da plataforma de préstamo de libro electrónico GaliciaLe. Poderás facelo desde calquera ordenador sen necesidade de trasladarte á biblioteca.

No caso de que non sexas socio/a dunha das bibliotecas da Rede, deberás acudir a unha delas para obter o carné. Alí rexistrarante como novo usuario/a da plataforma de préstamo de libro electrónico GaliciaLe.

Requisitos técnicos

Para poder ser usuario/a de eBiblio é preciso cumplir os seguintes requisitos:

  • Dispoñer dun dispositivo compatible e de acceso a internet.
  • Para os dispositivos móbiles, ter instalada a app de eBiblio.

Que libros podo atopar en eBiblio Galicia?

eBiblio Galicia ofrécelle á cidadanía unha colección de novidades editoriais de todo tipo:

  • Ficción para público adulto, incluíndo narrativa, poesía e teatro.
  • Obras xerais sobre ciencia e tecnoloxía, ciencias sociais, arte e humanidades.
  • Obras xerais relacionadas con cuestións da saúde, autoaxuda e desenvolvemento persoal, formas e actividades relacionadas co lecer, viaxes, deportes e informática de interese xeral.
  • Ficción orientada ao público infantil e xuvenil, incluíndo narrativa, poesía e teatro.
  • Obras de non ficción para o público infantil e xuvenil, incluíndo todo tipo de materias (arte, música, historia, ciencia e tecnología, lecer, deportes, etc.).
  • Audiolibros, versións íntegras da obra escrita, narradas por profesionais e gravadas en formato audio.

A quen podo dirixirme para obter máis información sobre o servizo?

Na túa biblioteca poderán informarte con maior detalle acerca deste servizo.